Friday 03 de May de 2024

O BNG apoia as demandas da veciñanza e reclama a cobertura sanitaria en Palmeira


O Bloque Nacionalista Galego apoiou hoxe as demandas da veciñanza de Palmeira para esixir que a Consellaría de Sanidade volva dotar de médico o centro de saúde da parroquia.

A deputada Rosana Pérez, o portavoz do BNG en Ribeira, Luís Pérez, xunto con outros militantes nacionalistas, estiveron coa veciñanza nunha mobilización histórica para Palmeira.

Segundo a parlamentaria Pérez Fernández, a Atención Primaria empeora e por iso esixe responsabilidades a un Goberno galego que deteriorou o sistema público de saúde precarizando as condicións laborais do persoal e recortando orzamentos. “Agora padecemos as consecuencias dunhas políticas nefastas do PP que provoca unha situación límite na que hai listaxes de agarda de días e días para acudir ao médico de cabeceira” recriminou.

Desde o Bloque denuncian que o centro de Palmeira empeorou aínda máis a súa situación neste mes de agosto ao apenas ter médico uns cantos días. Segundo a formación, isto provoca prexuízos aos doentes ao teren que desprazarse ao centro de saúde de Ribeira en autobús, taxi ou con algunha persoa que os leve. Ademais, supón unha sobrecarga de traballo que soborda a capacidade dos xa escasos profesionais que hai no centro ribeirense.

O voceiro do BNG, Luís Pérez, criticou que o Goberno local estea desaparecido e calado ante un problema tan grave que lle afecta á poboación, “está claro que lle mentiron á poboación cando dixeron que solucionarían a falta de médico e agora seguen de brazos cruzados”. Pérez Barral cre que esta actitude do alcalde de Ribeira mostra que “defende os intereses d PP por riba do ben común da veciñanza de Palmeira e Ribeira”.

Ante toda esta situación o BNG vai seguir traballando arreo, xunto coa veciñanza, ata conseguir que haxa nos centros sanitarios o persoal sanitario e os medios suficientes que garantan unha atención médica de calidade.